La conselleira de Pesca, Carmen Gallego, ha inaugurado la nave de lavado y almacenamiento de cajas construida en el puerto pesquero de Celeiro, con una inversión de 560.944 euros. Esta instalación tiene una superficie útil próxima a los 900 metros cuadrados y se suma a otras actuaciones llevadas a cabo por la Xunta en el Ayuntamiento de Viveiro.
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, inaugurou esta mañá a nave de lavado e almacenamento de caixas construída polo seu departamento no porto pesqueiro de Celeiro e que contou cunha achega de 560.944 euros, cofinanciada con fondos europeos. No acto tamén estiveron presentes o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, e o delegado territorial de Pesca en Lugo, José Ramón Val Alonso, así como o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel Rivas, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Celeiro, Domingo Rey Seijas.
A instalación inaugurada hoxe é unha obra de nova pranta, de dúas alturas e cunha superficie útil de 894,60 metros cadrados, repartidos en dous módulos, un deles adosado ao corredor da lonxa e o outro adosado á última ampliación das cámaras frigoríficas. A parte baixa está conformada pola área de expedición, as oficinas de conxelados e de caixas e as zonas de lavado e montacargas. Pola súa banda, a pranta primeira alberga o almacén e os locais dos cadros eléctricos e da caldeira.
Deste xeito, a carga e descarga nos peiraos de carga farase a través da zona de expedición, mentres que os movementos cara a lonxa, no caso da distribución de caixas, resolverase mediante o propio corredor que comunica co corredor central da “rula”. Pola súa banda, as caixas distribuiranse aos barcos na zona do cantil a través dun acceso directo co peirao fixo, ao tempo que se conta con dous andéns de carga na zona de tránsito para a entrada e saída de camións, que accederán á mesma marcha atrás dende os viais do porto.
Así mesmo, a área de tránsito aclimatouse a temperaturas de traballo similares ás do corredor da lonxa (de catro a seis graos centígrados), mentres que na zona de lavado e almacenamento colocouse unha barreira de láminas de PVC flexible para que non se produzan fugas de frío do corredor, xa que este apartado non precisa ningunha adaptación. Para a comunicación da parte de lavado coa de almacenamento de caixas colocouse un montacargas coa súa correspondente plataforma, ao tempo que para o acceso a pé dispúxose dunha escaleira.
Preto de 26 millóns de euros no Concello de Viveiro
Na súa visita a Viveiro, Carmen Gallego explicou que o seu departamento ten realizado importantes investimentos neste concello lucense dende finais do ano 2005, cuxo importe global se aproxima aos 26 millóns de euros. A maior parte destas axudas (18,5 millóns) corresponden a achegas para a frota, se ben tamén se fixeron aportacións para iniciativas de investigación e eficiencia enerxética (1,6 millóns de euros), actividades formativas (127.231 euros) ou para actuacións de rexeneración e asistencia técnica (670.901,63 euros).
Na súa intervención, Gallego sinalou que a Consellería concedeu, entre outras, axudas económicas para a pesca costeira artesanal (Pecosa) por importe de 101.883,46 euros, para equipamentos portuarios (1.082.857 euros), axudas de "mínimis" por máis de dous millóns de euros e achegas para a industria local por valor de 524.475 euros. Estas aportacións realizáronse co obxectivo de que contribúan a mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar do Concello de Viveiro.
Por outra banda, a responsable de Pesca a sinatura dun convenio de colaboración entre o seu departamento e a entidade Puerto de Celeiro S.A. para a realización do "proxecto piloto de experimentación con sistema automático de palangre", unha iniciativa coa que se persegue reducir custos e mellorar as condicións de traballo e de seguridade nos buques dedicados a esta arte mediante a automatización dos procesos de pesca. O apoio da Consellería a esta actuación, para a que achegou 388.000 euros, derívase da aposta do departamento autonómico por potenciar as novas tecnoloxías no sector pesqueiro, xa que garanten a viabilidade económica e técnica das empresas vinculadas a esta actividade e redundan na calidade do produto. |
|
|